Saturday 11 de May de 2024

A Xunta e a Fundación Paideia Galiza impulsan a XVI Edición de “Mans Futuro” para apoiar a excelencia nas ensinanzas musicais


— Renóvase a colaboración para a convocatoria desta edición, na que se premia a tres titulados da especialidade de interpretación en conservatorios superiores galegos

— Así mesmo, a fundación concederá un galardón complementario aos tres alumnos premio extraordinario nas ensinanzas artísticas profesionais na modalidade de música do curso 2020/21

A Xunta de Galicia e a Fundación Paideia Galiza veñen de renovar a súa colaboración para impulsar a décimo sexta edición do certame Mans Futuro, que apoia a excelencia nas ensinanzas musicais.

Poderán concorrer aos XVI Premios á excelencia musical Mans Futuro 2021 os titulados de ensinanzas superiores de música na especialidade de interpretación dos conservatorios galegos. Concederase un primeiro premio á candidatura que obteña a maior cualificación no proceso de selección que se convoque, que consistirá na gravación discográfica, mestura, edición e masterización dun CD de 45 minutos de duración.

Así mesmo, haberá dúas mencións de honra á excelencia musical, para as outras persoas seleccionadas e que consistirán nunha gravación dunha maqueta cunha duración máxima de 25 minutos. Adicionalmente, os tres premiados poderán gravar un vídeo da gravación nos Estudios Mans.

Ademais, a Fundación Paideia Galiza concederá un premio complementario aos tres alumnos que obteñan os premios extraordinarios nas ensinanzas artísticas profesionais na modalidade de música correspondentes ao curso 2020/2021.

Este galardón complementario consistirá na gravación discográfica, mestura, edición e masterización dun repertorio de 25 minutos por alumno. Cada alumno gravará, ademais, un vídeo do repertorio nos Estudios Mans cunha duración de tres minutos como máximo.

O obxectivo destes premios é recoñecer o esforzo do alumnado que rematan os seus estudos profesionais e superiores de música en Galicia, ademais de servirlles como proxección. Así mesmo, o feito de teren a oportunidade de crear un CD, unha maqueta ou un video gravados de maneira profesional permítelles dar visibilidade ao seu traballo e coñecer en primeira persoa as fases de gravación, edición, difusión e distribución dun traballo musical.

Os Premios á Excelencia Musical Mans Futuro enmárcanse dentro dunha das liñas de traballo da Fundación Paideia Galiza e de Estudios Mans, dirixida ao fomento do emprendemento musical.